sábado 6 de febrero de 2010

O HEROE DA CULTURA GALEGA!!!


Mentras agardas a que cheguen aos quioscos galegos o novo número 24 de Retranca cheo de sorpresas... DESCUBRE AO VERDADEIRO HEROE DA CULTURA GALEGA. Nun video en galego da Coruña subtitulado en Inglés naturalmente... :)

Saúdos retranqueiros, A Santa Compaña

viernes 11 de diciembre de 2009

RETRANCA 23. XACOBEO 2010


TODOS QUEREN PILLAR CACHO!!!
Chegou o Xacobeo 2010 e para uns será a salvación da crise mentres que para outros, como o Pelegrín será a súa fin. Si, damas e cabaleiros, a famosísima mascota do Xacobeo: O Pelegrín (que ía ser resucitado polo novo conselleiro de cultura da Xunta) vai apodrecer no seu cadaleito por falta de cartos para facerlle un lifting rexuvenecedor. Nós entendémolo, a verdade, o becho xa era feo de carallo no 93, así que agora debía de parecer un retrato de Don Manuel pintado por Miró. Sirva polo tanto este número de Retranca coma unha homenaxe á mascota máis fea do mundo que puxo de moda ter Pokemons de mascota en vez de animais.

Pero menos mal que os galegos temos o Ano Santo, agora que nas consellerías non hai un can, todo o mundo acode en masa ás oficinas do Xacobeo porque din que alí teñen pasta. Así que todo quisque se pon a facer películas sobre o camiño, libros sobre o camiño, exposicións sobre o camiño...
Non podían variar un pouco e subvencionar cousas menos repetitivas?. Non sei... podían ser un chisco máis orixinais e vangardistas e subvencionar o "callo" máis grande ou a pústula máis infectada, ou o mochileiro máis cheirento, ou mellor aínda, darlle unha macrosubvención aos que consigan chegar a Santiago en Ave (así matarían dou paxaros dun tiro, fomentarían o Camiño de Santiago e rematarían o Ave dunha puta vez).

O malo é que seguirán a facer o de sempre, uns concertiños da cantante galega esa Carmiña Fulana, unhas exposicións de fotos de peregrinos, filmes peñazo sobre a artrose dun camiñante, que non van ver nin os parentes do director, e mentres os galegos, a facer o camiño da cola do paro... pero claro para esas peregrinacións non hai cartos, estamos en crise.
Saúdos Retranqueiros e felices
festas a case todos....
A SANTA COMPAÑA

ATENCIÓN: Neste número Retranca estrea un novo suplemento sobre a situación lingua galega e desvelamos os premiados no Concurso Ortogal!!!... RESERVÁDEO NO VOSO QUIOSCO HABITUAL.

lunes 2 de noviembre de 2009

2º CABODANO DE RETRANCA!!!


Foto: ramón Leiro.

A revista galega de humor Retranca celebrou por todo o alto o seu segundo aniversario, ou como di o seu director, Kiko Da Silva, o seu segundo cabodano, por aquilo de que ninguén lle daba moito tempo de vida. Para celebralo reuníronse no Café Moderno colaboradores e amigos, que asistiron á presentación do novo número e coñeceron as novidades que ofrecerá a partir do vindeiro, como un suplemento de lingua, por suposto, sempre en clave de humor, e as novas series que están a preparar. E con moito humor, Kiko Da Silva fixo un monólogo non exento de retranca, repasando os temas tratados neste ano dende a controversia da lingua ao cambio de goberno, pasando pola gripe A. Tamén presentáronse as camisolas de superheroes retranqueiros, que se poden mercar na web da revista, na librería Paz ou no local de Retranca, ao prezo de 15 euros, e 12 os subscritores. A parte musical estivo a cargo dun trío do Seminario Permanente de Jazz. Para rematar e como non podía ser menos, houbo unha paparota para os asistentes.
Chelo Lago. LA VOZ DE GALICIA (31 de outubro 2009)

Tamén nos fixeron unha gran reportaxe no semanario A NOSA TERRA

Saúdos Retranqueiros dende a tumba,
A Santa Compaña.

jueves 29 de octubre de 2009

COLECCIONA AS CAMISOLAS RETRANQUEIRAS!!




lunes 26 de octubre de 2009

20.000 VISITAS RETRANQUEIRAS


Pois si, dende que puxemos o contador de visitas na web de Retranca en Xaneiro do 2009, xa recibimos máis de 20.000 visitas.
E no Facebook que abrimos fai un mes escaso xa temos 1300 seareiros!!! Graciñas a todos por visitarnos na rede!!!

Saúdos Retranqueiros,
A Santa Compaña.

martes 20 de octubre de 2009

ENTREVISTA NA VOZ DE GALICIA


Hoxe con motivo do 2º Cabodano da Revista Retranca fanlle unha entrevista en La Voz de Galicia ao noso director Kiko da Silva. Aquí tedes o linck por se queredes lela: Entrevista a Kiko da Silva ( 20-10-2009).

lunes 19 de octubre de 2009

RETRANCA NA MANI DO 18 DE OUTUBRO


Foto:Ramón Escuredo.
Un dos manifestantes amosando a modo de pancarta a dobre páxina de Kiko da silva publicada na Revista Retranca nº 22.

Retranca tamén foi a mani de QUEREMOS GALEGO!!.
Como mostra a reportaxe de O Correo Galego de hoxe:

Braulio, coa súa pequena de 6 anos no colo, era o retrato doutro perfil de manifestante: o preocupado pola castelanización dos fillos. "Que se a lingua está ameazada? Home, está claro, non fai falta que o diga eu. Non tes máis que mirar para os nenos. Anque llelo fales na casa, pérdese. Á miña filla sempre lle falei en galego e ultimamente case fala máis castelán... É que máis ou menos vaiche estando todo en castelán", lamentaba, deixando claro que "por apoiar a nosa lingua tampouco despreciamos as demais".
A súa preocupación quedaba tamén reflectida nunha chea de pancartas que aludían con humor crítico ás reformas que se prevén para o galego no ensino e á conversión das Galescolas na rede A Galiña Azul, como a que rezaba Gallifante escola: Protéxete contra a GRIPE Galega, ou outra na que aparecía o rostro do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, anunciando que despois da consulta do galego no ensino lles preguntará aos pais sobre que pensan das matemáticas.


RETRANCA na rolda de prensa de QUEREMOS GALEGO El País , Galicia Hoxe, Xornal de galicia, A Nosa Terra , La Voz de Galicia.

miércoles 14 de octubre de 2009

2º CABODANO DA REVISTA RETRANCA


2º CABODANO DA REVISTA RETRANCA.

DATA:30 de outubro 2009
HORA: 8 da tarde
LUGAR: Café Moderno de Pontevedra.
Estades todos convidados!!! haberá pinchiños!!
Saúdos retranqueiros, A SANTA COMPAÑA.

Actualización:
O 2º CABODANO DE RETRANCA NA PRENSA

La Voz de Galicia (15 de outubro 2009)
Galería de portadas de Retranca en La Voz de Galicia
Culturagalega.org (15 de outubro 2009)

lunes 5 de octubre de 2009

RETRANCA 22



En época de crise os superheroes están sempre de moda. Non, non nos referimos a que nos quedemos todos en calzóns, falamos dos super heroes de verdade, dos que teñen o superpoder de ir á compra para toda a familia con vinte euros, e traen comida e, o máis incrible, traen ata cambio!!!
Ou dos que teñen o poder de seguir confiando en Zapatero a pesar de estaren no paro e levar cinco meses buscando curro.Ou dos que seguen crendo que Feijoo vai salvar ao galego da súa agonía.
Sexamos realistas: os galegos imos aviados. Para un superheroe que tiñamos, van e mándano á cola do Inem. Que a quen nos referimos?... Ao Super Piñeiro, que lle acaban de quitar o seu programa da Telegaita. Para un programa que tiñamos de "cotilleos" na galega, co noso Jorge Javier Vázquez enxebre, van e cámbiannolo por un señor do ano da polca con bigote e abdominais desos de chocolatina (non, non é unha serie de Aznar, é que volven a emitir Magnum).
Recoñezámolo: a crise estanos facendo supermutantes. Agora mercamos marcas brancas nos supermercados, e se teñen super infraprezos, mellor. Buscamos roupa nas super rebaixas e intentaremos chegar a fin de mes a pesar da super subida de impostos. Traballamos super explotados en curros con soldos super birriosos a pesar de termos titulacións de graos
supersuperiores.

E mentres os cidadáns facemos o imposible por ter super poderes para chegarmos a fin de mes, os nosos gobernantes (os que teñen PODER de verdade) seguen agardando a que o SuperObama acabe co problema antes das eleccións. Vale, é certo: os da oposición están desexando que a Kriseptonita acabe antes con ZPman.
Por iso os retranqueiros queremos recordarlles aos nosos políticos unha frase do incrible Spiderman: UN GRAN PODER IMPLICA UNHA GRAN RESPONSABILIDADE. Aplíquena.

Saúdos Retranqueiros,
A SANTA COMPAÑA


ATENCIÓN: En Retranca tamén estamos sentindo o poder da Kriseptonita. Levamos dous anos saíndo mes a mes aos quioscos, algo que para nós xa é superheroico. Pero a caída da publicidade obrigounos a ter que saír cunha nova periodicidade bimestral, con máis páxinas e un super prezo. Non sabemos canto poderemos resistir, pero mentres o corpo aguante seguiremos dando fungueirazos retranqueiros. VOLTAMOS EN DECEMBRO !!!

miércoles 30 de septiembre de 2009

APADRIÑA UNHA PÁXINA DE RETRANCA!!!