jueves, 24 de enero de 2008

ARTIGO SOBRE RETRANCA DE MANUEL JABOIS


MANUEL JABOIS publica hoxe no gratuito De Luns a Venres un artigo sobre Retranca:

O meu avó pedía sempre unhas poucas ostras no porto de Sanxenxo, e cando lle traían a factura dirixíase a min sen mirar ao camareiro: "Lévame ao médico que debín tragar as perlas". No bar da Terraza, unha parella collía o xornal e dicía ao chegar ás esquelas: "Hostias, mira cantos marcharon onte de vacacións". E Julio Camba definíase cunha frase: "No me tome usted demasiado en serio ni demasiado en broma". A retranca é unha paisaxe.
No blog de Uzuzuz atopo a anécdota que relata Manuel Rivas de Einstein e o seu chofer galego que o leva a unha conferencia. Acordan polo camiño cambiar os papeis, e ao acabar de ler un científico faille unha pregunta ao galego, que non muda a cara: "Mire, esa dúbida que vostede ten é tan parva que lla vai responder o meu chofer". Esa paisaxe, esa sintaxe do humor tan propio ten desde hai tres meses unha casa de acollida: a revista Retranca, que dirixe o pontevedrés Kiko da Silva. O proxecto é unha heroicidade: non se aceptan subvencións e a publicación ten que facerse oír nos quioscos no barullo editorial, entre rechamantes mulleres e demais apostas dos grandes grupos. Pero paga a pena: para os que a fan e para os que a mercan. Retranca, chea de tantos nomes propios como talento, é hoxe a herdeira dunha forma de ver a vida que ten tanto de humor como de filosofía.

1 comentario:

An dijo...

Ben certo eche o que dí, saudos