E, por fin, o outono. A disipación dionisíaca do verán deixa paso ao recollemento, á meditación, á nostalxia. Tempo de lembrar os mortos e de facer o viño para os vivos. Tempo de botar contas, de recuperar a rutina do traballo dignificante e de varrer as follas vellas. Tempo de espiritualidade, tempo de cultura. Pasou o verán e a cultura Vén de camiño.
Conscientes deste ambiente propicio, os eximios representantes da intelectualidade galega reagrupan as súas forzas para continuaren a brava loita por elevar o espírito e a cultura do pobo dos rumorosos. Loitarán desde todas as frontes, desde os bastións das ciencias, as atalaias das letras e as avanzadas a peito descuberto das artes, e contarán co apoio das institucións públicas, que xa sacan as carteiras para o reparto de subvencións ao tempo que espallan anuncios e notas de prensa.
Pero o pobo resistirá. Por moito que nos agridan, nós seguiremos a ter en Luar o máximo referente cultural, no fútbol o espello da nosa conciencia nacional e de clase, e nas boas comidas os alicerces dun futuro liberador. Resistiremos á cultura!
Saúdos Retranqueiros,
A Santa Compaña.
No hay comentarios:
Publicar un comentario