martes, 3 de febrero de 2009

CENSURADA A CAMPAÑA PUBLICITARIA DE RETRANCA NOS AUTOBUSES DE VIGO



Non temos tanta certeza de se os deuses existen, pero, desde logo, non estaría tan ninguneados como a cultura galega, que esta aquí, con vocación de quedarse e con bastantes chagas abertas como para que calquera persoa que teña perdida a fe poida meter os dedos onde lle pete. Como a especie humana é unha especie que necesita falar e como non todo pode ser fútbol ou deus, poderiamos comezar a falar da cultura galega porque é moito máis bonito falar das cousas que existen.

Isto era o que pretendiamos facer a Revista Retranca e un grupo de creadores galegos coa nosa campaña publicitaria nos autobuses de Vigo. Unha campaña para concienciar á xente que a cultura galega necesita tamén que creamos nela para existir.

Pero esta mañá sucedeu algo incrible, o noso autobús (o Circular Centro) que ía promocionar a nosa publicación e a cultura galega durante 3 meses só estivo na rúa 6 horas, xa que a empresa Vitrasa decidiu quitar a nosa campaña publicitaria do autobús sen darnos ningunha explicación.

Hoxe, a última hora da tarde, recibimos unha chamada de Vitrasa. A explicación que nos deron foi surrealista, ao parecer non queren poñer o noso anuncio porque "recorda" á campaña atea feita nos autobuses de Barcelona.
Claro, como nós falamos de Deuses, igual os Galos de Asterix que viven no castro de Vigo séntense feridos ao ler a nosa publicidade.

Publicidade que como calquera pode ler fala DA CULTURA GALEGA e da pouca importancia que se lle da no noso País e que Retranca quere que se fale máis dela.

Así que a ver se lles queda claro aos señores de Vitrasa que na nosa campaña publicitaria "Dios" non pinta nada.

Mañá temos unha reunión cos responsables da empresa de autobuses, a ver que nos contan.

O que xa temos claro é que A CULTURA GALEGA EXISTE, PERO NON DEIXAN QUE SE ANUNCIE !!!

Saúdos Retranqueiros
A Santa Compaña.


A noticia en
La Voz de Galicia
Vieiros
L-V
Diario de Pontevedra
Chuza
Menéame
Xornal

ÚLTIMA HORA!!! CHEGAMOS A UN ACORDO CON VITRASA

Finalmente, Vitrasa acepta que a campaña continuase nos seus autobuses, con algúns cambios iso sí, Nós decidimos demostrarlles que a nosa campaña non ten ningún interese no debate relixioso como xa lles argumentamos onte. Así, que o máis rápidamente posible, o anuncio volverá circular polas rúas de Vigo, co seguinte lema: Probablemente Zeus non exista. A cultura galega si. Por que non falamos das cousas que existen?

Ademais, segundo anunciou Kiko da Silva (que defendeu que o comportamento da empresa fora bo en todo momento), Vitrasa comprometeuse a facer, dentro dos seus autobuses, unha exposición coas obras e cadriños de Retranca así coma poñer dúas traseiras dos buses coa publicidade da publicación.

Dende Retranca agradecemos o apoio de todos os nosos lectores e lectoras e agardamos poder anunciarvos en breve o día no que poñeremos en marcha a nova campaña e a exposición.

Saúdos Retranqueiros
A Santa Compaña

Pasarratos Retranca.
Se queredes xogar a poñer anuncios virtuais nun bus... Retranca díceche como!!! ... iso si, vos o poderedes facer de balde e sen censuras de ningún tipo... Hala a divertirse!!

Mandádenos ao email da revista as imaxes dos que fagades e publicarémolas no número 16 de Retranca as que nos parezan máis divertidas. ( OS 3 MELLORES PODERÁN GAÑAR UN LOTE DE REVSITAS- CAMISOLA E CHAVEIRO DE RETRANCA!!!)
Data límite para recibir os anuncios máis delirantes 28 de febreiro.

Fai un anuncio nun bus sen censura!!! PINCHA AQUÍ
(Graciñas a Pablo polo link)



8 comentarios:

Luis Davila dijo...

E de coña!!, Non sei quen tomaría esa decisión pero, algún directivo de Vitrasa ten poucas luces de todo!!

Fer dijo...

Eu já chamei, para informar-me/protestar como cliente ocasional: Marearom-me 20 minutos ao final falei com umha rapariga mui agradável -isso sin- que insistiu em que consulta-se a "informaçom na Voz" e que "nom queriam entrar em polémicas religiosas". Pareceu surpreendida quando lhe comentei que algum autocarro em Vigo levou publicidade dum grupo religioso como é "Alcoolicos Anónimos".

rodicio dijo...

CAÑA!

cneirac dijo...

Unha vergoña. Podedes colar a imaxe da campaña para difundila nos blogues? Grazas.

An dijo...

alegrome de que a cousa se arranxara, saúdos e apertas

antiparvos dijo...

Acabo de enviar un email de protesta por este acto de censura insólito. Ah e mañá vou comprar a revista que se me esquecera.

Unknown dijo...

A nosa solidaridade... pero volvésteslla a pegar, porque a verba Deus procede de Zeus (xenitivo de Zeus, Dios, en grego antigo). Menos mal que en Vitrasa as Humanidades están esquecidas!

Canto costa unha campaña destas? Nós tamén queremos unha así! Do estilo: Pode que o que le non sexa certo. Pero Certo ten moito que ler! (acabamos de darlle a medicación ao creativo, non llo teñades en conta)

R.R. dijo...

País alucinante. Facede camisetas co anuncio "retirado". E reservádeme unha.